mércores, 23 de maio de 2018

Cumprimos un ano!

Vai xa un ano desde que o colectivo Inicia Literaria, ou, o que ven sendo o mesmo, Vanesa Santiago e Tomás Rivera, decidimos botar a andar este proxecto e comezar a aventura de publicar tanto as nosas propias obras como as de aqueles e aquelas que se deixaron enlear nesta iniciativa de xeito libre e desinteresado.

Por cuestións alleas ao literario (traballos, axendas e outras obrigas), non puidemos prestarlle a Inicia Literaria toda a atención nin dedicarlle todo o tempo que gostaramos, pero malia todo arranxamos para publicar, neste primeiro ano de vida, nove títulos, e para darlle vida a tres coleccións:

Lendas do Colt, onde Tomás se agochou tras do seudónimo Kenneth James para escribir libros de peto do Oeste, catro polo de agora, e onde tivemos a inestimable fortuna de contar coas capas de SamCube, auténtico valor engadido da serie. 

Té na ventá, a nosa colección de narrativa contemporánea onde tanto collen o terror, coas historias de fantasmas como a do gran Jaume Vicent ou a da nosa compañeira Vanesa, como as historias de mulleres de Anna Raven e Rakel Archer. 

Lady Mallowan, dedicada ao misterio, inaugurada por J.P. Quintana, da que estamos  orgullosos  tamén por ser o su Leito de cogomelos a nosa primeira publicación en galego. 

Inicia Literaria

Este aniversario coincidiu, por desgraza, cun intre algo convulso para Internet, pois a entrada en vixencia do novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea (RXPD) está a poñer do revés a relación entre os servizos de Internet (desde as grandes empresas até o blog máis cativo) e os usuarios, que están a ver as súas caixas de correo rebordadas por peticións de revisión e actualización de políticas de privacidade, descubrindo en moitos casos que estaban subscritos a servizos que nin lembraban.

Este novo regulamento, que non rematamos de entender e que consideramos, en calquera caso, desmedido, obrigounos a tomar unha decisión dificil: Inicia Literaria interrompe a súa actividade namentres non comprendamos todas as implicacións que ten para nós e o modo no que nos afecta na nosa relación cos autores e autoras que queiran publicar nas nosas coleccións. 

Somos un colectivo informal, e non temos ánimo de lucro. Baseámonos de sempre na boa fe no trato cos autores e autoras, e nos acordos tácitos, como as condicións públicas que aparecen no noso sitio web. O novo regulamento e as súas esixencias suporíannos uns custos (asesoramento legal, redacción de contratos, avogados, xestorías...) que sinxelamente, sendo un proxecto aficionado e sen ingresos, non podemos asumir. 

Daquela, e polo de agora, celebramos o noso aniversario tomando unhas vacacións, lembrándovos que todas as nosas publicacións seguen a estar dispoñibles en Lektu en descarga de balde ou en pago social, e lendo moito, abofé. Saúdos, xente!


domingo, 24 de decembro de 2017

xoves, 30 de novembro de 2017

Novidades de novembro

Este mes de novembro é un mes no que as novidades non frutificaron aínda, mais, mercé ao noso duro e arduo traballo, en breve teredes nas vosas mans libros dixitais fresquiños para devorar. Seguide con atención esta páxina ou as nosas redes sociais para tener novas disto!

Pistas: tugurios, Nadal, tiroteos... Todo por separado, malia que, pensándoo ben, xunto podería dar lugar a unha historia enormemente atractiva...

Traballamos duro, mais aínda non acadamos o nivel deste home.

E lembrarvos, para rematar, que as redes sociais onde temos presenza son Facebook, Twitter e Instagram.